Camiño da Vida Tola pretende poñer en valor e difundir moitas das músicas que soaron noutrora nalgún dos camiños que levan a Compostela. Este patrimonio cultural inmaterial foi conservado durante anos na memoria das persoas informantes e sobre todo das mulleres, que sempre son unha fonte inesgotable de sabedoría popular. Como nos espectáculos anteriores, a base melódica das pezas de Carapaus ten un forte carácter tradicional, pero sen deixar de lado pezas de nova composición, sempre con sabor a terra e a país. Novamente as letras deste traballo teñen un claro carácter reivindicativo, onde berran ben forte polas inquedanzas da nosa sociedade, falan do empoderamento da muller, dos problemas laborais do país, o desprezo cara o noso idioma, etc etc. Ademais diso, inclúen tamén textos de Rosalía de Castro ou Manuel María. Seguen en pé co seu berro “Somos ghaiteirxs somos revolusionarixs” e con iso van “Camiño da Vida Tola”