
Orquestra Bravú Xangai
Orquestra Bravú Xangai
Bio
Xúntanse na Orquestra Bravú Xangai nomes importantes da nosa música, integrantes de bandas creadoras do movemento Bravú e proxectos posteriores. Como maquinistas atopamos a Xurx...Xúntanse na Orquestra Bravú Xangai nomes importantes da nosa música, integrantes de bandas creadoras do movemento Bravú e proxectos posteriores. Como maquinistas atopamos a Xurxo Souto, dos Diplomáticos de Monte Alto ao igual que Guni Varela; a María do Vinculeiro chegada de Brassica Rapa entre outras bandas; a Richi Casás, virtuoso saxofoneiro neto de Rosa e Adolfina que tocou nos Satélites; a Xan Xove dos Papaqueixos e do Jarbanzo Negro; a Antón Díaz Papaqueixos-Ultraqáns; a Martiño Mato, Olivier Cano e Miguel Paz da Magnifique Orquestra dos Homes sen Medo; a Xose Manuel Miranda, mestre da escola de música de Boiro... Xunt@s conforman unha locomotora musical de vocación festiva imparábel.
A Orquestra Bravú Xangai é moito máis que un grupo: colle prestado o alcume do tren que durante décadas uniu Galicia e Catalunya. Ese intercambio humano, social, cultural e artístico entre o Atlántico e o Mediterráneo é xermolo dun intercambio do que xa agromaron festivais poéticos ou formacións musicais e que viviu un dos seus momentos máis especiais na celebración do 40 aniversario do Ateneu Popular de Nou Barris de Barcelona, momento exacto do nacemento deste proxecto musical.
Dende o ano 2017 esta elástica e ecléctica formación foi pasando por prácticamente todos os festivais galegos, actuando tamén en moitas festas de vilas e cidades. Alternando grandes espectáculos con torreiros da festa e pequenas salas, e xerando espectáculos únicos como o XL aniversario de Pardiñas, a velada do mundial da Regueifa de Carballo no 2023, e a gala dos XI Premios Martin Codax, a homenaxe ao querido e finado baixista Mangüi (sempre en nós!) nas festas de Maríia Pita da Coruña, ou, mais recentemente, o L aniversario da facultade de Filoloxía en Compostela.
No ano 2024 sacaron un disco ao mercado, “Os Saxofóns de Occidente”: Contan que Orfeo, vocalista prodixioso, tiña que cantar cada mañá pola banda de Grecia para facer saír o sol. Do mesmo xeito a Xangai toca para que o sol se deite por Occidente, música tan bela esa que, co arrolo do mar, dá solaz ao proprio sol. Un disco variado e sorprendente onde a banda-orquestra tanto canta un Rebético como adica unha “oda punk” a unha praia coruñenta, como fai un tema para resc atar a Illa de Tambo, reivindicar que somos irmáos/ás como cantaban Fuxan os Ventos ou que Vigo e Coruña son a mesma cidade. Sen medo! Estes son os argumentos de Xangai: o esplendor do metal galego e o atrevemento, vehemencia e argumentos da xeración que fixo nacer o bravú.