Arranca a xira de 'Nabiza Girl II' coa estrea na Casa da Cultura de Sada
O novo espectáculo de Isabel Risco, As aventuras de Nabiza Girl: O estraño caso da Cultura Minguante, estréase o vindeiro domingo 23 de febreiro na Casa da Cultura de Sada, ás 19 horas da tarde. A xira continuará pola Coruña, o 14 de marzo, por Barbadás, o 28 de marzo, e por Muros, o 5 de abril.
A obra teatral, dirixida por Fran Rei e interpretada por Isabel Risco e Alberte Bello, trata sobre a historia da máis importante superheroína galega, acompañada do seu fiel escudeiro, Don Galizo, na loita contra o esmorecer paulatino da cultura galega.
Trátase do segundo capítulo dunha personaxe valente, destemida e chea de sorpresas, creada por Isabel Risco, que xa conta cun Mestre Mateo 2013 á Mellor Interpretación Feminina de Reparto, un Premio FETEGA Carballiño á Mellor Actriz 2015 e o III Premio Luísa Villalta da Deputación da Coruña.
Con esta nova montaxe escénica, a actriz, clown e autora Isabel Risco recupera para a escena a Nabiza Girl, personaxe que foi medrando ao longo dos anos e espallando a súa pegada por diferentes disciplinas artísticas. No ano 2023, Risco colabora co guionista Carlos Ares e co debuxante Manel Cráneo, xunto á produtora Marta Horjales aos mandos da coordinación, para lanzar a banda deseñada As aventuras de Nabiza Girl. Operación Breogán (Demo Editorial, 2023). Xa no 2024, o mesmo equipo empurrou a Nabiza Girl para que saltase ao audiovisual con Así falamos, así sentimos, unha serie web en stop-motion creada pola produtora coruñesa Algarabía Animación para a súa difusión en redes sociais co obxectivo de reforzar a identidade galega entre a mocidade cun ton natural e desenfadado.
Agora, Nabiza Girl regresa ao seu espazo orixinal, os escenarios, onde volverá atoparse cun público que sempre foi fiel a esta popular superheroína do rural, ben coñecida pola súa característica indumentaria -que inclúe a fouce e a estrela vermella- e polos seus superpoderes, entre os que se inclúen a afouteza, unha conciencia inequívoca sobre a identidade galega e un manexo impecable do humor.
Entradas á venda en: https://www.sada.gal/as-aventuras-de-nabiza-girl-o-estrano-caso-da-cultura-minguante.