Celébrase a VII Edición do Festival Rosalía en Santiago de Compostela
Chega ás rúas e aos teatros de Santiago de Compostela a VII Edición do Festival Rosalía, organizado pola Deputación da Coruña e o concello compostelán. Un evento celebrado en conmemoración do 188º aniversario do nacemento da poeta galega, que terá lugar na praza de Mazarelos durante a fin de semana dos días 21, 22 e 23 de febreiro.
Baixo o lema ‘Sen pombas nin flores’, inspirado nun verso rosaliano tirado de Follas Novas, desenvolverase un amplo programa que inclúe múltiples actuacións de teatro, música, animación de rúa e poesía. A premisa do proxecto é rendir tributo a todas as facetas sociais da figura de Rosalía: como feminista, defensora da lingua, a cultura e a identidade do pobo galego, como loitadora contra os abusos de poder e como creadora e artista.
O acontecemento contará con dúas xornadas cheas de actividades, divididas entre o sábado e o domingo. Os Tres Pesos serán unha das convocatorias imprescindibles do festival. A banda de música tradicional presentará o seu novo disco, Cantares e contares, no Teatro Principal, ás 20:00h, para pechar a xornada do sábado 22.
Para o domingo (ás 14 h, despois da manifestación de “Queremos Galego!”) haberá sesión vermú con Clo Plas, e pola tarde, ás 16 h desenvolverase o xogo Quizz Rosaliano. Unha hora máis tarde, ás 17 h, terá lugar a proposta de poesía e videocreación Rosalía de Castro, como cor de ouro pálido, da man de Rafa Fernández, Lara Dopazo e Iván Torres.
O Colexio Maior de Santo Agostiño acollerá o espectáculo A primavera vai chegar, con Faia Díaz, Paula Romero e Inés Salvado, nunha quenda ás 16 horas e outra ás 17:15. A obra de teatro Rosalía, protagonizada por Rocío González e Cris Collazo baixo a dirección de Fina Calleja, pechará o evento ás 18.30 horas no Teatro Principal.
Podes consultar a programación na web da deputación da Coruña: https://www.dacoruna.gal/normalizacion-linguistica/festival-rosalia/