Coñece os novos espectáculos estatais que están de xira por Galicia
Arranca a temporada primavera – verán e con ela chegan as novidades do noso Catálogo de compañías escénicas estatais e internacionais que están de xira por Galicia.
Unha mostra interesante e atractiva para todo tipo de públicos que percorre unha gran variedade de temas sociais, así como postas en escena sorprendentes e divertidas. O surtido de espectáculos inclúe as categorías de teatro adulto, espectáculos para público familiar, maxia e pezas itinerantes.
Algúns dos novos espectáculos veñen con premio! Cabe destacar o recente recoñecemento outorgado a Pilots, de La Finestra Nou Circ, que obtivo o Premio Fetén a Mellor Espectáculo Itinerante 2025; os dous premios outorgados a Las preciosas ridículas como Mellor Espectáculo de Teatro Xuvenil e Mellor Versión de Teatro Clásico no FITIJ-RD 2024; a nominación aos Premios Max 2025 de La loca historia del Siglo de Oro, por Mellor Autoría Revelación (Francisco Javier Uriarte).
As principais novidades son:
No apartado de espectáculos familiares, resaltamos Un pez en el corazón, un espectáculo que reflexiona sobre os medos e o mar, da compañía Mar-mar Teatro. Pola súa banda, Finito Infinito (Cía Trotamundos) é un chamamento á diversión, que convida a saír da rutina para deixarse levar pola fantasía. A Gran Sonata, de Le Puant, é unha das apostas máis interactivas do noso catálogo, un espectáculo de clown cheo de música e improvisación. E tamén temos o novo espectáculo de Z Teatro, Sueños, sobre a procura da felicidade nun mundo a cabalo entre os soños e a realidade.
De entre os espectáculos de maxia, salientamos Ensueños, de Jorge Luengo, un dos ilusionistas máis innovadores e versátiles do panorama actual. A sorprendente Menina, da cía. 7 Burbujas, é un espectáculo itinerante que ofrece unha menina xigante, mentres que Pilots (La Finestra Nou Circ) presenta unha tola carreira de bicicletas.
Encabezando a categoría de teatro adulto, suxerimos La loca historia del Siglo de Oro, que toca diversos temas sociais e mostra os efectos que poden resultar do afán de poder obsesivo. Puños de harina (El Aedo Teatro) é un imprescindible en materia de concienciación sobre o impacto que ten o racismo, a homofobia e a masculinidade tóxica na nosa sociedade. E como última recomendación, destacar a interesante proposta de By ó bu. Aproximación al no existir (Yarleku), un interesantísimo diálogo interno que pon sobre a mesa o tema do suicidio.
Convidámoste a descubrir todo o que ofrecen as novas pezas escénicas das compañías estatais no noso Catálogo, sen esquecer o valor das compañías de sempre, como Yllana, Pepe Viyuela, Okidok ou Leo Bassi, que ano tras ano nos agasallan con espectáculos cargados de talento e emoción. Bótalle un ollo ao Catálogo completo.