Mercedes Peón estrea o seu espectáculo ‘O intanxible e o non mundo’ no Festival Escenas do Cambio
O Festival Escenas do Cambio acolle a estrea absoluta do espectáculo O intanxible e o non mundo, a nova proposta de Mercedes Peón que se poderá gozar online o próximo domingo, 11 de maio, ás 20.30 h.
Nesta nova proposta, Mercedes Peón amosa o intanxible, as relacións que se establecen entre as persoas nos non-lugares como os torreiros da festa, os xeitos de vida que xiran en comunidade e que se nutren das individualidades máis radicais. Unha peza que fala das pandeireteiras, das tocadoras, as súas resistencias periféricas, e un xeito de abordar a creatividade desde a autoría de autoestima cultural.
Mercedes Peón acompáñase nesta obra de Peque Varela, con animacións e texturas de imaxe, e de Maider Jiménez e Laura Iturralde.
Mercedes Peón
Considerada como unha das mulleres máis carismáticas do circuíto da música contemporánea e de raíz. O tocar da pandeireta e o cantar da ribeirana foi o detonante para abraiarse da inmensa beleza das cancións, bailes, contos e vivencias dos seus contemporáneas habitantes das aldeas. Comeza unha intensa recompilación. Transmitiu todo ese coñecemento a través do ensino, nas escolas municipais, na Televisión de Galicia, ou en diversas universidades europeas.
Na súa faceta compositiva Mercedes Peón é autora de bandas sonoras para cine, espazos sonoros para danza e performances en directo dende a hibridación ata a posta en escena de banda electrónica ou de raíz. O seu amplo repertorio, e a enerxía que se apodera de cada unha das súas actuacións, fan desta artista unha aposta segura pola continuidade da escena musical contemporánea en Europa.
Despois de afondar na tradición durante máis de 25 anos, no ano 2000 gravou o seu primeiro álbum, Isué. Un disco libre de clixés, que se expandiu polo eido internacional sen reforzo mediático. Nos seus traballos posteriores Ajrú (2004), Sihá (2007), e Sós (2008), as súas composicións levárona a unha particular atmosfera case rozando o electroacústico, facendo do resultado o seu sinal.
Compartiu cartel con Patti Smith, Alanis Morrisette, Goran Brégovich, e moitos outros, durante a súa participación en máis de 400 festivais internacionais.