La loca historia del siglo de oro, nominada aos Premios Max 2025
A obra de teatro familiar La loca historia del Siglo de Oro xa figura entre os nominados aos prestixiosos premios Max 2025 na categoría de Mellor Autoría Revelación (Javier Uriarte). A maiores, a peza foi seleccionada polo circuito PLATEA para o período 2025-2026 e vén de recibir por parte da crítica a categoría de Mellor Espectáculo da MAE (Muestra Ibérica De Artes Escénicas).
La loca historia del Siglo de Oro fai un repaso por este período histórico de España levando a escena algunhas das cuestións fundamentais do século XVII, no que as artes acadaron o seu cénit. Cuestións históricas, todas elas, que seguen a ser de suma actualidade e que tratan aspectos tan relevantes como o papel dos poderes estamentais, a loita das persoas por sobrevivir na adversidade ou o valor da arte.
O espectáculo, creado polas compañías La Escalera de Tijera e Z Teatro, parte dunha revisión fresca e dinámica dos conceptos clásicos do teatro fusionados co clown, o circo, a comedia da arte, o humor e a música en directo. A partir dunha escenografía sutil, dunha serie de obxectos comúns dispostos en escena emerxen temas como os instintos dos homes cegados polo seu afán de poder, riqueza ou ascenso social; o ostracismo das mulleres; ou as crebas dunha sociedade enferma de ambición.
Trátase, así pois, dunha ecuación teatral imprescindible, que permite acceder en clave humorística aos erros e acertos da nosa Historia, así como ás luces e sombras da nosa sociedade.
Convidámoste a descubrir o noso catálogo de compañías escénicas estatais e internacionais 2025.