Adeus e grazas, Baobab!
A compañía Baobab Teatro despediuse dos escenarios o pasado domingo en Pontevedra, no marco do Salón do Libro Infantil e Xuvenil. Alí representaron unha versión especial de Luppo, o espectáculo máis premiado da súa traxectoria, con recoñecementos como o de Premio ao Mellor Espectáculo Infantil na Feira de Teatro de Ciudad Rodrigo ou unha candidatura aos Premios Max na categoría “Mellor Autoría Teatral”.
Despídese así unha das mellores compañías de teatro infantil da escena galega, despois de quince anos dunha traxectoria impecable, facendo excelentes espectáculos dirixidos a público infantil que lles valeron o recoñecemento do sector e do público en certames e festivais, percorrendo as programacións familiares e escolares máis importantes de Galicia e do Estado.
Desde Culturactiva queremos agradecerlles a Óscar Ferreira e Andrea Bayer os seus marabillosos espectáculos, cos que tanto gozamos e tamén a confianza depositada en nós. E desexámoslles toda a sorte nos proxectos que están por vir. Canto vos imos botar de menos!