Abre a inscrición para Muros Mira ao Mar, o mercado das XIII Xornadas de Cultura Mariñeira
Até o venres 26 de maio, todos os colectivos, artesá/ns e expositores interesados poden inscribirse no mercado das XIII Xornadas de Cultura Mariñeira, que terán lugar en Muros do 7 ao 9 de xullo.
O mercado desenvolverase en varias rúas e prazas do Concello de Muros, con horario de 11.00 h a 23.00 h (venres e sábado) e de 11.00 h a 21.00 h (domingo). Todas as persoas que desexen participar cos seus produtos poden facelo inscribíndose a través do FORMULARIO, despois de ler as BASES con detemento. Unha vez rematado o prazo de inscrición e unha vez feita a selección, a organización porase en contacto cos postos seleccionados.
Pódense expor e vender diferentes produtos artesanais, naturais, ecolóxicos, antigüidades, terapias alternativas, gastronómicos... Terán preferencia na participación aqueles postos inscritos que teñan relación directa co mar ou ca temática e/ou produtos mariñeiros, e que ofrezan como actividade complementaria unha mostra de traballos artesanais: cantería, zapatería, redeiras, talla de madeira, maquetismo, ferro, pan, etc. Só implicaría estar no posto traballando a determinadas horas e atendendo ás preguntas das persoas asistentes, ou ben que realicen co público asistente algún tipo de actividade, como degustacións, obradoiros, etc.