Cambados acolle os concertos de Talabarte e Vaamonde, Lamas e Romero
Culturactiva prepara en Cambados, ao longo desta semana, unha ampla e variada programación que encabezan os concertos de Talabarte e Vaamonde, Lamas e Romero.
Talabarte presenta o xoves, 3 de agosto, ás oito da tarde, o seu último disco, Fake, nun concerto no Cementerio de Santa Mariña (Cambados). O grupo foi recoñecido este ano co Premio Martín Códax (na categoría de Músicas do Mundo) e Fake levou o Premio Opinión da Música de Raíz ao mellor álbum.
O trío, ancorado na músical tradicional, mestura en Fake a tradición europea de ritmos bailables para presentar un concerto no que orixinalidade, contemporaneidade e tradición van pola man. Imposible acougar os pés e non deixar voar os sentidos.
Talabarte reúne a tres indispensables da escena musical galega: o violín de Quim Farinha, o acordeón diatónico de Pedro Pascual e o contrabaixo de Kin García. Os seus nomes están intimamente vencellados con grandes proxectos da música galega coma Berrogüetto, Marful, ou prestixiosos músicos de jazz coma Jorge Pardo, Walter White ou Steve Brown.
Vaamonde, Lamas e Romero na Praza do Con
Tamén ás oito da tarde, pero do venres 4 de agosto, chega a actuación de Vaamonde, Lamas e Romero á Praza do Con, titulada O tambor de prata. O título do espectáculo é tamén o do seu último disco, no que o trío máis retranqueiro da música galega amosa un repertorio baseado no de Os Trinta de Trives, desde o que reivindican o cosmopolitismo da montaña ourensá.
O trío está composto por Xesús Vaamonde (gaita, percusión e voz), Pedro Lamas (saxo soprano e voz) e Xosé Lois Romero (acordeón e voz), que, desde 2006, unen os seus talentos para amosaren a súa particular visión da música popular.
Circo, contos e maxia toda a semana
Culturactiva é unha xestora cultural preocupada pola democratización cultural e o achegamento de diferentes disciplinas escénicas (como o clown, a maxia ou o circo) a todo tipo de públicos.
En Cambados poderase ver, o mércores 2 de agosto, o espectáculo de aéreos de Desastronauts (21:00 na escalinata de San Tomé); o circo rebelde de Isla Le Triska (día 3 ás 20:00 na Biblioteca Luis Rei); a narración oral de Daboapipa, presentando Lavandeiras (o venres 4 ás 18:00 no lavadoiro de San Roque); e a maxia de Dani García, que amosará os trucos do seu personaxe Don Gelati (tamén o venres 4, pero desde as 20:00, na Biblioteca Luis Rei).