Caxade e Dous no Camiño pechan o sábado na Coruña o ciclo Vive o Camiño
Caxade e os Dous no Camiño recuperan, pois, a parada de Vive o Camiño na Coruña o vindeiro sábado, 14 de outubro. Será en sesión vermú, a partir das 12:00, no mesmo lugar que estaba prevista ao inicio: os Xardíns de Méndez Núñez.
Dous no Camiño é unha creación teatral na que os cómicos Fran Rei e Isabel Risco encarnan a dous peregrinos que percorren o Camiño Inglés. Dirixido por Avelino González, baséase nun texto de Roi Vidal e Xurxo Barcala.
Caxade é o proxecto persoal de Alonso Caxade, acompañado dunha banda que con acordeón, bombardino, trompeta e batería móvese entre o indie e o folk para traer reminiscencias de músicas populares europeas ao pop. Caxade presenta, no concerto da Coruña, o traballo E isto é o amor.
Vive o Camiño, a programación do Xacobeo para dar a coñecer o Camiño Inglés e o Camiño Fisterra-Muxía, percorreu en agosto e setembro boa parte dos concellos de ambas rutas para dinamizar as súas programacións culturais e promocionar as dúas vías, menos coñecidas.