Caxade, Oquestrada e o Sonoro Maxín nas Festas de Ourense
Este xoves haberá un concerto moi especial nas festas de Ourense, con tres grupos de primeiro nivel: Caxade, Oquestrada e O Sonoro Maxín, que volven ao seu Ourense, onde arrincou a xira do seu novo disco Sete Dezasete.
Así, a Praza Maior de Ourense acollerá, como primeiro concerto da noite ás 22:30 horas. A banda que lidera Alonso Caxade (voz e acordeón) conta tamén con Manu Espinho no bombardino, Manu Paino coa trompeta e carilhom e Xosé Tunhas á batería, e presentan un directo poderoso e envolvente que gusta por igual ao público “indie” e ao “folkie” e que non deixa a ninguén indiferente. A consolidación dun son e dunha voz que insufla aires pop na música tradicional galega.
Por outra banda, desde alén Miño chegan Oquestrada: Marta Miranda percorre co seu canto os escenarios dunha Lisboa escondida e noctámbula: cafés, restaurantes e tascas caboverdianas onde acontecían as longas noites fadistas. Pablo, que medrou nos suburbios de París achegado á comunidade portuguesa, con catro trebellos e moito enxeño confeccionou a primeira "contrabacia" rexistrada ata a data en Portugal. A eles sumouse o virtuoso João Lima na guitarra portuguesa, Marina Henriques e Donatello Brida no acordeón, Zeto Feijão e Pedro da Silva Martins. O acústico vístese de vangarda, o punk perde a vergoña de ser romántico e o fado énchese de ledicia. A música colle novos folgos, a tradición novo alento. Atlantic Beat é un soño do mundo contado á portuguesa, a banda sonora dunha vida.
E xa por último, a festa pecha por todo o alto co Sonoro Maxín, Premio Martín Códax da Música este ano na categoría de Reggae, Ska e Mestizaxe. Despois dunha intensa xira esta primavera que arrincou, como non podía ser doutro xeito, no propio Ourense, o grupo volve polas festas: "O 7 e o 17 son os días de feira en Ourense. Ao redor da praza de Abastos, agrúpanse, nunha distribución que semella aleatoria, o rianxo, postos de roupa, música, ferramentas, libros, calzado, remedios naturais, queixos, complementos... Todo o que che cómpre! As músicas de “sete dezasete” nacen deste caos organizado, desta feira cambiante que non somos quen de ordear completamente". Así presentan este novo traballo discográfico, que, na liña dos anteriores, é idóneo para a fests, Ico (voces), Abraham "el niño" (guitarra), Cristina Asenjo (acordeón), Xurxo Brea (baixo), Jaime Mateo (batería e percusións) e Miguel Xanceda (son en directo). Toda unha noite de troula e boa música para gozar das Festas de Ourense!