Día Internacional da Muller Traballadora con Culturactiva
Un ano máis, Culturactiva quere lembrar a loita pola igualdade de dereitos para as mulleres, que non remata. O 8 de marzo conmemórase o Día Internacional da Muller, e así nolo lembran as Lavandeiras de Daboapipa, os concertos de Guadi Galego e a contada de Caxoto.
Lavandeiras é un espectáculo que combina a narración oral de Vero Rilo e a música do acordeonista Carlos Quintá. O oficio das lavandeiras forma parte do noso imaxinario colectivo: mulleres á beira do río, de xeonllos, fregando a roupa tecen unha estampa que se repetiu ao longo da nosa historia. Ao seu redor, as lendas e os contos arredor deste grupo de mulleres sucédense ao longo da nosa xeografía, tanto física como identitaria. Daboapipa recolle ese patrimonio oral, musícao, dálle forma e agasállallo ao público, descubríndolle os outros relatos que arrodean os lavadoiros. Poderá verse no Centro Cultural Avenida da Rúa o domingo 5, e tamén o venres 10 en Nigrán, o sábado 11 en Soutomaior e o venres 17 na Coruña, no Centro Cívico de Monelos.
Precisamente na Coruña actuará, o día 7 no Teatro Rosalía de Castro, Guadi Galego coas cancións do seu último disco, O mundo está parado. O propio día 8, a cantautora cedeiresa estará no Círculo Recreativo e Cultural do Porriño, e xa o 16 viaxa a Barcelona para ofrecer un concerto Delicatessen na Antiga Fàbrica de Estrella Damm. Pero o sábado 18 témola de volta no Teatro Principal da Estrada, e aínda o 25 estará no Pazo da Cultura de Narón, así que imos ter ben oportunidades para gozar desta presa de cancións sobre a necesidade de parar a sentir, a reflexionar, a respirar, nun mundo que, malia a aparente velocidade e exceso de información, está parado no máis humano. Ademais, estaremos pendentes do que pase este sábado 4 na Gala dos Mestre Mateo: o primeiro videoclip deste vídeo, "Cedeira", dirixido polo cineasta Xacio Baño, é candidato ao Premio na categoría de mellor videoclip.
Xa por último, Caxoto Contacontos ofrece unha contada pola igualdade tamén o propio 8 de marzo no Teatro Coliseo Noela de Noia.