O Sonoro Maxín segue a presentar Sete Dezasete en Vigo e na Canda
O Sonoro Maxín, gañadores do Premio Martín Códax da Música na categoría de reggae, ska e mestizaxe, estará esta fin de semana en Vigo (na Fábrica de Chocolate o venres ás 22 horas) e nas Festas da Canda, na Mezquita, o sábado ás 23:30. No primeiro concerto, as entradas están a 5 euros anticipadas, 7 no portelo e 10 co CD.
O grupo xuntouse por primeira vez na primavera de 2007, hai xa dez anos. "En abril de 2017 presentamos unha chea de cancións que falan dun lugar da nosa vida que leva o teu nome, baila coma ti e canta coma ti cantas”, contan. “O 7 e o 17 son os días de feira en Ourense. Ao redor da praza de Abastos, agrúpanse, nunha distribución que semella aleatoria, o rianxo, postos de roupa, música, ferramentas, libros, calzado, remedios naturais, queixos, complementos... Todo o que che cómpre! As músicas de “sete dezasete” nacen deste caos organizado, desta feira cambiante que non somos quen de ordear completamente. Cada día na nosa cabeza, nos nosos pés, no noso corazón, na nosa vida imaxinamos o xeito de darlle forma a tremendo desorde".
O disco presentouse cunha intensa xira que arrincou, como non podía ser doutro xeito, en Ourense, de onde o grupo é orixinario, e pasaron tamén por Carballo, Bueu, Pontevedra, Vilar de Santos, San Sadurniño, Compostela, Melide, A Coruña ou a festa de San Franco de Dornelas, en Mos. E no verán terán varias citas máis, empezando por esta fin de semana e seguindo xa a finais de xuño, cando volverán a Ourense para as Festas: o xoves 29 actúan xunto a Caxade e ao grupo Oquestrada.
O disco Sete Dezasete pódese mercar tamén nos seguintes puntos de venda: en Vigo está en Inquedanzas Sonoras, Discos Elepe, Librería Andel, e Librería Cartabón; en Pontevedra, Vazquez Lescaílle e Librería Paz; en Redondela no Consorcio Editorial; na libraría O Pontillón ou Vilafer, en Cangas; en Vilagarcía de Arousa en Carriola; na Coruña nas librarías Sisargas e Suevia; en Lugo, en Don Disco e Cede; en Foz, en Bahía Cultura e Ocio; en Compostela, en De Cotío, Merlín e Familia, Trisquel Artesanía, Bulideira, O pazo das Musas, Libraría Pedreira, e Discos Fans; no Muxica de Melide; en Allariz, en Aira das Letras e A tulla; e en Ourense, en Peggy Records.