Píscore en Madrid e Euskadi con Concerto Singular
A compañía gañadora do Premio do Público Festiclown 2017 inicia unha xira polas Comunidades de Madrid e Euskadi co seu espectáculo "Concerto singular": arrinca este domingo 27 de agosto en Móstoles, e seguirá o 2 e 3 de setembro en Bilbao.
Que acontece cando se convoca a catro grandes solistas para un único concerto? Catro prestixiosos músicos fronte a un grande conflito: 16 baquetas e unha soa marimba. Eles están dispostos a facela soar do xeito máis orixinal e abraiante. Organizarse xa non vai ser tan doado. Humor sen palabras e moi boa música dan a man neste espectáculo dirixido por Fran Rei, con Félix Rodríguez, Pepe Varela, Pablo Cabanelas e Diego Rosal.
Píscore achéganos a mellor música e moito humor para un concerto singular nunha proposta que se encadra na liña dos grandes espectáculos que mesturan o virtuosismo musical e os ritmos coa comedia xestual, o clown e a participación do público.