Pum, pum!, de Baobab Teatro, xira esta fin de semana
A nova montaxe para todos os públicos de Baobab Teatro, Pum, pum!, ten unha pequena xira por Galicia esta fin de semana, chegando a tres provincias e dun recuncho ao outro: o venres estará na Casa da Cultura Ramón Martínez López, en Boiro, ás 20 horas. Xa o sábado estará na Casa da Cultura Poeta Manuel María en Foz, na mariña lucense, ás 18:30, e remata o domingo no Auditorio Municipal de Vigo ás 18 horas.
Marieta é coma calquera nena de 5 anos, rodeada de portas que se abren e contan historias. Historias que teñen música e cantan cando
Marieta quere, pero Marieta ten unha porta que garda un segredo. Un segredo, que nunca contou e ninguén escoitou, por iso Marieta ás veces non fala e queda calada, por iso Marieta sempre se enfada, por iso dende hai tempo ten pesadelos e máis pesadelos.
Pum, Pum! é un espectáculo tenro que fala de historias cotiás que lles pasan aos nenos/as destas idades pero tamén fala dunha mensaxe moi clara: desde moi pequenos/as teñen que saber que ninguén pode obrigarlles a facer cousas que non queren. Con guión de Andrea Bayer e dirección de Óscar Ferreira, quen tamén deseñou a escenografía e títeres, diferentes técnicas como monicreques, obxectos e música en directo (orixinal de Davide González, agás a nana, composta por Elena Paz) alíanse coa iluminación de Daniel Abalo. En escena, Andrea Bayer e Davide González.
Baobab Teatro é unha compañía pontevedresa que aposta polo teatro infantil de calidade. Formada por Óscar Ferreira e Andrea Bayer, traballan cun compromiso claro coa infancia. Óscar Ferreira conta cunha amplísima experiencia como titiriteiro, construtor de monicreques e escenografías. Participou en espectáculos teatrais como Que medo, que medo, Golulá ou Babiliglub, ou en programas de televisión: Luar, Nika, Cousiñas, Os Bolechas... Andrea Bayer dirixiu e interpretou espectáculos como Golulá (Premio ao mellor espectáculo infantil na X Feria de Ciudad Rodrigo, Premio ao espectáculo máis innovador na XXIV Mostra de Teatro de Ribadavia, Espectáculo mellor valorado polo público infantil na IX edición da Programación de Domingos do Principal 2008), Babiliglub (Fetén 2008) ou Rosalía, a pulga que escribía. C’O lobo e a lúa acadou o XI Barriga Verde para textos teatrais para monicreques na categoría de infantil.