Yllana volve a Ferrol coa diabólica 666
A compañía Yllana volve ao Teatro Jofre ferrolán cun novo espectáculo de teatro xestual e efectos visuais que xoga cun tema tan serio, e ao tempo tan absurdo e inconcibible, coma a pena de morte. Neste espectáculo onde non se salva ninguén, nin sequera o público, Yllana acada a dose máis elevada de humor negro, absurdo e mordaz, para amosar, coma sempre a través dun traballo cómico visual e sen palabras, o lado máis escuro e sinistro do ser humano. Poderemos vela o domingo 30 de abril ás 19.00 horas, con entradas desde 10 euros que se poden adquirir anticipadas en https://entradas.ataquilla.com.
Catro temibles convitos (interpretados por Fidel Fernández, Raúl Cano, Joe O’Curneen e Juan Ramos) chegan ao corredor da morte para seren executados. A súa (in)adaptación á situación, a irritante convivencia entre eles, as relacións cos carcereiros e as desastrosas execucións ás que son sometidos desencadean unha serie de escenas dantescas, imprevisibles e disparadas, que converten o corredor da morte nun inferno.
Yllana é creatividade. Creada en 1991 como compañía de teatro de humor xestual, na actualidade diversificou a súa actividade no mundo das artes escénicas e audiovisuais. A súa aposta céntrase, aínda que non exclusivamente, nun humor sen palabras, irónico e interactivo. Un humor universal que soubo chegar a multitude de escenarios por todo o mundo. Desde o seu xenial encontro coa escena, Yllana produciu 25 espectáculos, entre os que cabe destacar: Muu!, Glub Glub, Star Trip, Los Mejores Sketches de Monty Python, Pagagnini, Brokers e Zoo, que se representaron en 44 países e foron vistos por preto de dous millóns de espectadores. No 2016 celebraron as súas vodas de prata co público, co espectáculo Yllana 25, que recompila os seus mellores gags.