A Gala Solidaria Festiclown Palestina encheu o Teatro Principal de Compostela.
Unha Gala Solidaria con Palestina de Pallasos en Rebeldía converteu o Teatro Principal de Compostela nun espazo para a música, o circo, a maxia, o clown e a emoción. A colaboración solidaria do público e as actuacións desinteresadas de Isabel Risco, Píscore, o mago Dani García, Raquel Veganzones, Desastronauts, Circo Chosco, e a música de Paco Nogueiras e Uxía achegaron un pouco máis que outro Festiclown Palestina se faga posible. Tamén é de agradecer a cobertura mediática que recibiu o evento e a grande acollida que tivo dende o Concello.
A Asociación Cultural e de Cooperación Internacional Pallasos en Rebeldía é un espazo artístico de solidariedade internacional, transformación política e fraternidade entre os pobos que se expresa a través do clown e as artes circenses, no que conflúen artistas de diferentes países, sobre a base de que a alegría e a risa poden e deben ser transformadoras. Pallasos en Rebeldía está constituída como unha rede internacional de grupos artísticos que promoven a solidariedade e a risa como motores de cambio social; combaten culturalmente á beira das colectividades que lle fan fronte a este sistema global de terror desde a maxia do Circo; e que apostan por unha Humanidade máis bela e máis xusta desde o universo do Clown. Con esta iniciativa quérese contribuír a financiar a próxima edición do Festiclown Palestina, que neste 2017 xa foi pola súa 4ª edición, e é o primeiro festival de clown do mundo árabe.