Estás list@ para o entroido?
Brassica Rapa
A primeira fanfarria galega 100% feminina!!
Brassica Rapa é un grupo de música popular nacido a finais do 2017 buscando darlle unha volta ao concepto de charanga. Formado íntegramente por rapazas, tocando instrumentos de vento metal e percusión crean unha atmosfera alegre coa súa música, de repertorio coñecido e fresco, coa que a festa está asegurada. Dúas trompetas, dous trombóns, un saxo alto, unha tuba, unha caixa e un bombo compoñen o seu persoal, que pretende reivindicar a presencia da muller neste tipo de agrupacións a través da troula.
Tchyminigagua
Técnica, patentada a nivel mundial, de zancos en patíns.
Fundada en 1985 en Bogotá (Colombia), persegue obxectivos claros: "traballo, coñecemento, identidade, con esencia nunha linguaxe teatral para vivir e compartir unha misión cultural, social e política". Un traballo que producen dramaturgos, directores, actores, acróbatas, bailaríns e músicos; profesionais; autodidactas, formados integralmente na fundación. A técnica teatral Tchyminigagua integra "Alegría, Ritmo, Forza, Enerxía, memoria, compromiso e política", linguaxe teatral, acrobática e circense, pola que teñen recoñecemento internacional, así como pola súa invención, patentada a nivel mundial, de zancos en patíns. Cultura popular de trasformación social.
Fanfarria Taquikardia
Apisoadora rítmica de aires balcánicos non apta para cardíacos.
Grupo de música extremo festeiro de repertorio taquicárdico, que vai das melodías balcánicas a coñecidas pezas da música clásica e do cine, pasando pola música tradicional galega e latina, achegándolle sempre o espírito necesario para o baile e a xoldra. A banda está integrada por instrumentos de vento-metal e percusións varias. A formación principal compóñena trompeta, clarinete, saxo alto, saxo tenor, trompa, trombón, tuba, caixa re-adornada, timbais e bombo-pratos.
As influencias musicais son varias: comeza polas fanfarrias de Europa do Leste, os “brass ensembles” de Nova Orleans, as charangas carnavalescas caribeñas e brasileiras e a música tradicional galega. Os integrantes de banda proceden de varios grupos do panorama musical galego: Os Cuchufellos, Os Bechuchos, Pelepau, Skandalo Gz, Pan de Capazo, Os Festicultores, Os Podridos, A Vaga Banda ou A compañía do Ruído. Ninguén queda impasible e moito menos inmóbil co brutal espectáculo que ofrece este particular conxunto musical. Con eles un/ha pode saber cando comeza a música e a festa, pero non cando remata.