Así foron tres días de cultura comprometida con Guerrilla en Pontevedra
O sábado día 9 de Outubro pola noite rematou con éxito a primeira edición de Guerrilla, que durante tres días encheu Pontevedra de cultura comprometida e alternativa, da man de artistas como Marwán, Leo Bassi ou a banda estadounidense The Last Internationale.
Ademais dos concertos e actuacións, o público puido gozar de faladoiros con Marwán, Iván Prado, Manuel Gago, Eva Mejuto, Montse Fajardo e María Xesús Escudeiro, que conversaron sobre a resistencia galega na II Guerra Mundial, a loita antifranquista nesta cidade ou a poesía como motor de cambio.
O obxectivo destas xornadas impulsadas polo Concello de Pontevedra e Culturactiva S. Coop. Galega, foi pór en valor as loitas sociais e culturais históricas que se artellaron no noso país. O grande interese que demostrou o público pola iniciativa demostra que estas loitas non están mortas, e que dende todos os recunchos de Galicia e do resto do mundo estanse a facer pequenas accións culturais para construir unha sociedade xusta.