O festival Guerrilla chega a Pontevedra con artistas como Marwán, Leo Bassi ou The Last Internationale
O festival Guerrilla chega a Pontevedra os vindeiros días 7, 8 e 9 de outubro. A cita encherá a vila de artistas referentes da cultura máis comprometida e social. Contaremos coa presenza de Marwán, Leo Bassi e a banda estadounidense The Last Internationale.
“Guerrilla nace para perseguir a utopía a través da cultura. Unha cultura comprometida, alternativa, revolucionaria, de resistencia e accesible a todo o mundo. En definitiva, unha cultura guerrilleira”, afirma Nacho Fungueiriño, coordinador desta iniciativa impulsada polo Concello de Pontevedra e Culturactiva S. Coop. Galega.
Ademais, dende a organización destacan que Pontevedra é o lugar perfecto para acoller este proxecto. Unha vila exemplar da resistencia a nivel cultural e social en Galicia. Nesta primeira edición, Guerrilla terá como protagonistas dos faladoiros a Marwán, Iván Prado, Manuel Gago, Eva Mejuto, Montse Fajardo e María Xesús Escudeiro. Estas actividades potenciarán a conversa sobre a resistencia galega na II Guerra Mundial, a loita antifranquista en Pontevedra ou a poesía como motor de cambio. Pola súa banda Vero Rilo ofrecerá un espectáculo de narración oral sobre “Historias de amor, vida, guerra e case morte”.
Pero os pratos fortes da Guerrilla de Pontevedra chegarán a partir das 21:00h coas actuacións do cómico italiano Leo Bassi, o cantautor e poeta Marwán e a banda neoiorquina The Last Internationale. O obxectivo: pór en valor as loitas sociais e culturais históricas que se artellaron no noso país e demostrar que non están mortas.
Guerrilla é o vivo exemplo de que dende todos os recunchos de Galicia e do resto do mundo estanse a facer pequenas accións culturais para construir unha sociedade xusta para todos e todas.
A compra das entradas para o festival Guerrilla de Pontevedra poderá facerse a través de ataquilla.com Para os faladoiros, pódese reservar prazas a través do correo guerrillapontevedra@gmail.com
Guerrilla en Pontevedra trae as mellores propostas artísitas
Leo Basssi
En Yo, Mussolini o cómico italiano volve posicionarse fronte á extrema dereita cun show provocador e divertido nado do auxe da vella ideoloxía fascista. O xoves 7 o público gozará desta obra directa á xente que ten loitado por unha vida máis solidaria, e onde a mensaxe clave é que o o fascismo crece polo medo que xera. O mellor antídoto contra ese medo é o sentido do humor.
The Last Internacionale
O venres 8 subirán ao escenario do Teatro Principal Edgey Pires e Delila Paz. Teñen compartido escenario con nomes tan recoñecidos como The Who ou Robert Plant. O seu rock atrevido e político levou á banda estadounidense por medio mundo dende o éxito do seu álbum debut, We Will Reign, que lanzaron no 2014. En 2019 viu a luz o seu traballo máis recente: Soul on Fire.
Marwán
O cantautor e poeta volve sorprender ao público co seu cuarto libro de poemas: Una mujer en la garganta. O sábado 9 ás 21:00h agasallará ao público coas súas cancións e presentará esta obra na que hai lugar para a crítica, o desamor, a pena, a autoestima, o desarraigo, a ironía, a ruptura, a alegría, o loito, o desexo, o sexo, a compasión ou a felicidade.