Mercedes Peón actuará o 23 de abril en Compostela co seu espectáculo Osmose
O vindeiro sábado, 23 de abril, Mercedes Peón chega ao Auditorio de Galicia co seu espectáculo Osmose, unha performance audiovisual e musical na que se acompaña das artistas Peque Varela e Laura Iturralde.
A osmose é un fenómeno físico polo que unha materia medra ou muda de densidade ao pasar a través dunha membrana. Facendo metáfora, a artista constrúe un relato crítico sobre os efectos do capitalismo nas nosas vidas.
A peza está participada e atravesada pola obra Nación, de Margarita Ledo, e as protagonistas son as traballadoras das fábricas de Pontesa e das conserveiras galegas. O público asistirá a unha intervención lumínica en directo que permitirá ás artistas improvisar, emocionar e crear unha dramaturxia sonoro-visual conmovedora.
As entradas xa están dispoñibles na web www.compostelacultura.gal
Mercedes Peón
Mercedes Peón é unha artista multidisciplinar, compositora e investigadora. A súa primeira formación musical vén do percorrido polas aldeas durante vintecinco anos, recibindo e formando parte da transmisión colectiva da memoria oral e corporal. Ao longo da súa traxectoria publica cinco discos cos que participa en máis de catrocentos festivais ao redor do mundo, tres BSO para cine e cinco espazos sonoros para pezas escénicas de danza. Realiza diferentes traballos compositivos, sonoros e musicais no ámbito da danza en proxectos como O Quiosco dás almas perdidas do Centro Coreográfico Galego ou Mercedes mais eu con Janet Novás e no cinema coas BSO da documental Liste, pronunciado Lister, a curtametraxe Cienfuegos 1913 e a película Nación de Margarita Ledo.