Mercedes Peón presenta “Ingrávida”, a celebración do vixésimo aniversario do seu primeiro disco en solitario.
Mercedes Peón regresa ao punto de partida. Máis de vinte anos despois e unha pandemia polo medio, a creadora celebra, por fin, as dúas décadas de lanzamento de ‘Isué’, un disco que marcou un fito na música galega e que supuxo un punto de inflexión no xeito de entender e compartir a creación colectiva no país. A compositora e tocadora celebrará o aniversario cun novo espectáculo: ‘Ingrávida’.
“‘Ingrávida’ é unha festa musical, unha celebración do que son, das emocións que me trouxeron ata aquí”, expón Mercedes Peón. Con esta proposta escénica, a música regresa “ao punto no que todo comezou” e comparte os lugares emocionais e políticos que percorreu ao longo de dúas décadas como compositora e sobre os escenarios. A toma de conciencia do lugar no que habita, a consciencia da fraxilidade da autoestima cultural, o feminismo, o amor, os encontros das diversidades ou as singularidades lingüísticas da fala serán algúns dos espazos que Mercedes Peón percorra en ‘Ingrávida’.
Durante a celebración, a compositora transitará polo universo creativo que hai entre os cinco discos que unen a ‘Isué’ con ‘Deixaas’: relacionará e expandirá os puntos de encontro entre o acústico e as sonoridades electrónicas, moverase desde a potencia vocal da raíz para aterrar en texturas máis contemporáneas. Desde a creación máis artesanal até a vangarda electrónica, ‘Ingrávida’ é o descubrimento do que provocou a experimentación e investigación de Mercedes Peón na súa discografía e nos seus máis de 25 anos de recollidas: a procura do transo co seu propio corpo a través das músicas de creación colectiva.
A presentación de ‘Ingrávida’ terá lugar o vindeiro 2 de abril no Auditorio Municipal Carmen Estévez de Vilalba. As entradas para o espectáculo poden mercarse aquí. Sobre o escenario Mercedes Peón acompañarase de diferentes creadoras galegas, como é o caso de Caamaño & Ameixeiras, Mónica de Nut, Ana Fernández, Gisela Sanmartín con Xirifeiras, Mar Suárez con Raigañas, Icía Varela, Laura González, Laura Garrido e Yolanda Allegue. A proposta escénica, dirixida pola propia Mercedes Peón, contará coa labor de Laura Iturralde na iluminación (con quen xa traballou en ‘Osmose’).
O concerto do 2 de abril será o primeiro dunha xira “atemporal”, como salienta a propia Mercedes Peón, da que anunciaremos novas datas en distintos puntos de Galicia nas vindeiras semanas. Para máis información sobre esta xira e outros espectáculos (como ‘Osmose’ ou ‘Deixaas’), podedes visitar a nosa páxina.