Xa está dispoñible a programación da segunda edición de Guerrilla
Vimos de presentar, xunto ao Concello de Pontevedra, a programación do Guerrilla 2022. A segunda edición deste evento volve con forza para encher Pontevedra da cultura máis comprometida e social. Do 1 ao 4 de decembro desfrutaremos dunha programación de faladoiros, teatro, circo e música.
Na rolda de prensa, durante a que se desvelou a programación completa, estiveron presentes Nacho Fungueiriño, coordinador da iniciativa; Carmen Fouces, Concelleira de Cultura e Mónica Caamaño, actriz na obra "As Alumnas".
“Este proxecto nace para perseguir a utopía a través da cultura. Unha cultura comprometida, alternativa, revolucionaria, de resistencia e accesible a todo o mundo. En definitiva, unha cultura guerrilleira”, afirma Nacho Fungueiriño, coordinador da iniciativa, impulsada polo Concello de Pontevedra e Culturactiva S. Coop. Galega. Ademais, dende a organización destacan que Pontevedra é o lugar perfecto para acoller este proxecto, pois a vila é un exemplo de resistencia a nivel cultural e social en Galiza.
Nesta segunda edición, Guerrilla tratará temas como a educación e a censura musical durante o franquismo ou a loita do pobo saharui con artistas da talla de Luís Pastor, Pepe Viyuela, Yslem Hijo del Desierto, Uxía Senlle, Isabel Risco, etc.
O obxectivo de Guerrilla é por en valor as loitas sociais e culturais históricas que se artellaron no noso país e demostrar que non están mortas. Guerrilla é o vivo exemplo de que dende todos os recunchos de Galicia e do resto do mundo se están a facer pequenas accións culturais para construír unha sociedade xusta para todos e todas.
Consulta a programación completa aquí.