Brión Inclúe celebra a súa sexta edición entre os días 2 e 12 de novembro
Brión Inclúe volve coa súa sexta edición entre os días 2 e 12 de novembro. Música,
teatro e exposicións nunha programación que reivindica o dereito de todas as persoas a
crear e consumir cultura. Esta iniciativa pretende concienciar - coa cultura como
ferramenta de motor social - da necesidade urxente de crear espazos que garantan a
accesibilidade ás artes para todo o mundo por igual.
As exposicións “Diseñatas: Illas Atlánticas” (Fundación IgualArte) e “Traballos Obradoiro
de Coiro” da Asociación AVANTE estarán dispoñibles do 2 ao 12 de novembro no Centro
Social Polivalente. Pero as actuacións comezarán o venres, 3 de novembro, cun pase de
"Don Gellati" de Dani García para colectivos de persoas con diversidade funcional da
comarca. Unha cita na que se facilitará o desfrute do espectáculo para todas as
usuarias.
A programación achégase tamén aos centros escolares para concienciar ás novas
xeracións das diversas realidades que acontecen ao noso redor e, sobre todo, para
facerlles ver que ninguén é alleo a elas. Así, desfrutarán de "Soños", unha peza teatral
que fala sobre a situación das mozas e mozos tutelados e os estereotipos que os
rodean. Os máis cativos tamén poderán ver un Contacontos de Cris de Caldas chamado
"Contos para entender(nos) mellor".
O sábado, 4 de novembro, ás 20.30h, o Auditorio Centro Social Polivalente acollerá a
representación de "Hugo", unha peza teatral cuxo protagonista é un cativo con TEA. O
seguinte sábado, 11 de novembro, á mesma hora e lugar, representarase a peza "Ubú
Rei", das usuarias de ONCE Ourense. Dúas citas abertas ao público familiar xeral.
Como broche final á programación, o domingo 12, ás 12.00h, celebrarase Sesión Vermú
con Iguatuke, Minguante e Sophie Simonds. Presentado por Andrea Bugallo.
Fran Rei, coordinador do festival Brión Inclúe, destacou que "Esta programación está
cada ano máis asentada na axenda cultural da vila normalizando así algo que non
deberiamos ter que normalizar: que a cultura é un dereito para todas”. Tamén quixo
destacar “a calidade das propostas artísticas que, ademais de facernos desfrutar,
transmítennos unha mensaxe. É cultura con valores".
O obxectivo de Brión Inclúe é, por un lado, servir de escaparate para aqueles colectivos
que traballan na inclusión social a través das artes, e, por outro, normalizar e visibilizar a
diversidade funcional como parte propia da cidadanía. Sempre baixo o poder da cultura
como ferramenta de integración e a necesidade de seguir reivindicando o dereito a facer
e consumir cultura sen barreiras.
Brion Inclúe é unha oferta organizada polo Concello de Brión, xestionada por Culturactiva
S. Coop. Galega, subvencionada pola Deputación da Coruña, e coa colaboración de
Gadis e Froiz.