De Bélxica a Galicia: Ialma canta a Rosalía nestas Letras Galegas
O grupo de pandeireteiras belgas fillas de emigrantes galegos realizan nestas Letras Galegas unha xira moi especial polo país. Estarán dende o 13 ao 17 de maio actuando en Verín. Salvaterra do Miño, Cambados e Ferrol co apoio de Wallonie-Bruxelles International.
“Ialma canta a Rosalía” é un espectáculo no que Verónica Codesal, Natalia Codesal, Eva Fernández e Marisol Palomo contan a súa historia, que é a de tantos emigrantes. “O noso proxecto é, coma o de Rosalía, un horizonte de esperanza. Amamos a vida, a música, a poesía, a danza, a xente. Ialma é dignidade, liberdade e alegría de vivir".
A banda vese reflectida e identificada en Rosalía. “Os nosos avós e pais contáronnos pouco a pouco con moito medo os seus sofrimentos pero tamén o amor polo seu país. Transmitíronnos valores como o de falar a nosa lingua, considerada na época un dialecto. Tentaron sempre gardar e ensinarnos as súas costumes galegas. Os cantares sempre foron presentes como unha forza do porvir”, contan.
Nestas Letras Galegas, realizan unha viaxe moi emocionante á terra dos seus pais para dar unha xira moi especial.