Paula Carballeira Cabana, Premio Nacional de Literatura Dramática polo texto de "As Alumnas"
Paula Carballeira foi a encargada de poñer voz e discurso a Rosa e mais a Elvira, as protagonistas de As Alumnas. Baixo a dirección de Fina Calleja e con Anabell Gago e Mónica Camaño sobre o escenario, no 2022 estreamos este espectáculo de Culturactiva Producións que aínda continúa a darnos alegrías con premios e recoñecementos nas butacas dos teatros.
O traballo de Paula Carballeira nesta peza converteuse tamén nunha publicación baixo o selo da Editorial Galaxia. Agora, o Ministerio de Cultura e Deporte recoñece a calidade do seu traballo e premia esta homenaxe a todos os mestres e ao modelo de escola laica, libre e dunha pedagoxía avanzada.
As Alumnas é unha montaxe teatral que propón unha fábula potente que transita pola memoria histórica e que se tece con vimios temáticos tan vizosos como o son a anovación pedagóxica, tanto en Galicia como no estado, da que María Barbeito foi abandeirada; o exilio interior ao que foi sometida tralo proceso de depuración do que, como tantos outros intelectuais galegos, foi víctima, e a sororidade entre as tres protagonistas da peza como estratexia de supervivencia nunha sociedade machista e patriarcal.
Pretendemos construir un relato de vidas cruzadas, dúas nenas que agora de adultas retoman o contacto nun encontro que lles axuda a recolocar o seu pasado, que resulta revelador para ambas e que rescata da súas memorias individuais un pasado que é tamén colectivo.
Ademáis do Premio Nacional de Literatura Dramática, As Alumnas xa recibiran o Premio Luisa Villalta a proxectos pola igualdade e o Premio Follas Novas á mellor obra de teatro.