A Coruña solidarízase con Palestina na gala ‘Cultura contra a Barbarie’ o próximo 13 de marzo
A Coruña acollerá o 13 de marzo, a partir das 20.30 horas, unha gala solidaria en favor do pobo palestino no Teatro Rosalía de Castro. Iván Prado, en representación de Pallasos en Rebeldía, xunto co concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro, presentaron esta mañá o programa da gala no Concello da Coruña.
Este evento solidario reunirá unha decena de artistas do ámbito da música e as artes escénicas. As Fillas de Cassandra compartirán escenario coas propostas escénicas de Touriñán, Dani García, Sahar Shatat e Iván Prado, xunto cos artistas coruñeses Sue Moreno, Alfredo Muíño e Xurxo Fernandes. Presentada pola actriz Isabel Risco, esta gala será unha oportunidade para reivindicar os dereitos do pobo palestino a través da cultura e a arte.
As entradas teñen un prezo de 10 euros e están dispoñibles en ataquilla.com. Todo o recadado irá destinado a Gaza Stars Circus School, unha entidade local coa que colabora Pallasos en Rebeldía, e que traballa directamente con nenos e nenas, proporcionándolles bens básicos como alimentos, medicinas e roupa.
A participación activa da sociedade en eventos culturais coma este non só permite recadar fondos para causas vitais, senón que resalta a importancia da cultura como motor de transformación social e como altavoz para causas sobre as que é preciso manter a información, a atención e a solidariedade.
‘Cultura contra a barbarie’ é un evento organizado por Pallasos en Rebeldía e Culturactiva, coa colaboración do Concello da Coruña, Galiza por Palestina e BDS Galiza.