LaGriot'te estrea o seu espectáculo "O Rexurdimento do Divino Sainete"
A compañía LaGriot'te estrea en Celanova a súa nova obra O Rexurdimento do Divino Sainete. Baseada na obra de Curros Enríquez, e tamén na vida do escritor, presenta unha sátira na que o poeta e a xoglaresa LaGriot'te viaxan en tren rumbo a Jacobusland. Cada un dos vagóns do tren presenta cada un dos pecados capitais encarnados en persoas e situacións da vida de Curros Enríquez.
Un espectáculo visual, como os que caracterizan á compañía LaGriot’te, no que se traslada o universo creado por Curros para falar de intolerancia, extremismo, censura e autocensura, o sensacionalismo á hora de abordar certos temas delicados, as guerras incivís que nos rodean, o exceso da avaricia na toma de decisións que se amosa na corrupción, moral ou económica... e todo a través da ironía, a sátira e o humor.
LaGriot'te é unha compañía galaico-andaluza fundada en Londres polo produtor e director de escena Nazan L. Bamio e a actriz e directora de movemento Sandra Gade.