O Sonoro Maxín lanza un adianto do seu novo disco “A primavera ten que ser nosa”
- O novo traballo da banda presentarase o día 6 de abril en Ourense
O Sonoro Maxín está a piques de sacar o seu terceiro disco, e para ir quentando motores, lanzou hoxe o videoclip do primeiro tema, que leva o mesmo nome que o EP: “A primavera ten que ser nosa”.
O cinco de abril é o día previsto para o lanzamento do disco en plataformas, que se presentará en directo ao día seguinte no ourensán El Pueblo Café Cultural. A mellor cumbia do país toma corpo nos cinco temas deste EP, cheo de ritmos alegres con raíz nas músicas máis populares e bailables de distintas partes do mundo. O Sonoro Maxín condensa máis de quince anos de experiencia facendo vibrar os escenarios de todo o país coas cancións da Galicia tropical.
O Sonoro Maxín reivindica neste disco unha loita pola primavera, ese tempo no que a calor do sol vence ao frío do inverno e todo florece, e que polo tanto é tamén, en palabras dos compoñentes da banda, “unha batalla persoal e comunitaria”. Por iso, adican o disco a quen loita pola dignidade da terra, pola protección do territorio e pola defensa das persoas, como é o caso en particular da asociación de produtoras ecolóxicas A Levada, a Rede Galega Stop Eólicos e Pallasos en Rebeldía, sinalan os compoñentes do Sonoro Maxín.
‘A primavera ten que ser nosa’ é, ademais, unha sentida homenaxe a Jaime Mateo, que foi membro do grupo, e á súa familia.
Este é o terceiro disco da banda ourensá, que comezou a súa andaina nos escenarios en 2007. Despois de “A onda sonora (chega do interior)” e “Sete Dezasete”, que lles valeu o IV Premio Martín Codax da Música ao mellor grupo galego na categoría "Reggae/Ska/Mestizaxe”, chega “A primavera ten que ser nosa”, que xa ten confirmadas datas de presentación en Ourense, Vilar de Santos e Mos proximamente.
Pódese ver o vídeo “A primavera ten que ser nosa”, adianto do novo EP do Sonoro Maxín, no seguinte enlace: https://www.youtube.com/watch?v=1K7yVludeZU