Deixaas
Ficha artística
Mercedes Peón (Dirección artística, composición, samplers, percusión formal, gaita, voces).
Mónica de Nut (sintetizador, voces, piano).
Ana Fernández (percusión tradicional, voces).
Formatos: Trío, Con colaboracións e Con colaboracións e artistas convidados/as
Sinopse
Deixaas é o resultado dunha intensa etapa de investigación sobre as posibilidades da arte sonora traída ao eido no que Peón se ergue como referente internacional: a música de raíz, a tradición máis xenuína.
Deixaas amplía o universo creativo de Mercedes Peón combinando artesanía musical e vangarda creativa dun xeito excepcional. Sen abandonar as a base tradicional, o álbum inclúe unha faceta contemporánea inspirada en espazos acústicos de nova natureza, obtidos a partir dun traballo de campo con sons reais e gravacións de maquinaria pesada recollidas nos estaleiros e espazos industriais da contorna de Ferrol (como no caso de "Plataforma"). Outras composicións incorporan todo o poder estético e evocador da palabra poética dramatizada ou spoken word (en "Linguas elementais") ou o contraste do piano atmosférico (en "Olores perdidos"). Diferentes ambientacións e texturas que gañan peso nunha obra que conta tamén con Mónica de Nut e Ana Fernández.
No aspecto lírico, Deixaas conserva a esencia dos temas que adoitan interesar á compositora: cuestións de identidade, sexo, linguaxe, pertenza, cadeas de transmisión, o medio ambiente e a política social máis inmediata... Todo converxe na súa música e interactúa con linguaxes sonoras e estéticas nunca antes exploradas deste xeito pola artista. Este novo disco sitúa a Mercedes Peón nunha exquisita madurez creativa e compositiva, e o seu formato ao vivo ofrece unha experiencia artística única, un verdadeiro transo que nos reconecta ao máis auténtico, onde a música se converte nunha cadea de transmisión de patrimonio cultural de primeira orde.