Guadi Galego, Vero Rilo e Isabel Risco actúan no próximo Festigal
A que xa é a XVI edición do FestiGal trae artistas como Guadi Galego, Nao, Raiba, Os Amigos dos Músicos e Son da Rúa para actuar na véspera do Día da Patria en Santiago de Compostela. Na presentación, Guadi Galego, sinalou que o Festigal “reivindica un país normalizado neste espazo político, social, musical e cultural” e representa “a ilusión dun país que quere chegar a ser algo máis”.
Onte, martes 13 de xuño, presentouse a vindeira edición do festival no Museo do Pobo Galego. Tania Ameneiro, da Fundación Galiza Sempre, anunciou as bandas e agradeceu o voluntariado que traballa na organización do Festigal e o autor do cartaz deste ano, Leandro Lamas. “Un pintor de referencia que fixo esta serea que está no mar, dende o seu país e coa forza e valentía da estrela que ergue na man, como quere transmitir o Festigal, nun país de artistas e creadoras”, explicou.
A xornada do 24 comeza cunha sesión de DJ con Bigote Mix; Son da Rúa, composto por Álex Arnoso e Hugo Guezeta, de Ponteareas, que foron os gañadores do concurso “Novos Valores”; Os Amigos dos Músicos, con folk-rock inspirado na canción protesta; Guadi Galego presentará o seu último traballo “O mundo está parado”; actuará Nao como banda de referencia do rock galego e Raiba que traerá o seu último disco “Marxinación” de rock-metal con letras reivindicativas.
25 de xullo en feminino
Pola súa parte, Lucía López Sobrado presentou os actos previstos para o 25 de xullo nunha aposta en feminino no café concerto cunha exhibición de regueifeiras por cortesía da asociación Oral. O punto máis cómico e desenfadado virá da man de Isa Risco, co seu espectáculo Nabiza Girl, “quen sen dúbida nos fará rir coa historia desta superheroína rural galega”. No apartado musical, o público poderá descubrir o proxecto de Áureas “En Voga”, o que será un concerto-espectáculo “co que viaxaremos ás músicas dos anos 20, coas que poderemos bailar en pleno século XXI cos ritmos das nosas avoas e avós traídos aos nosos tempos”. Rematará coas potentes voces das Tanxugueiras, chegadas desde a zona de Teo e da Barbanza e que son xa un dos grupos revelación da música tradicional galega, sinalou.
O Festigal vén cargado un ano máis de variadas propostas culturais en todos os estilos e disciplinas e encherá na noite do 24 e durante todo o día 25 o espazo do Campus Sur de reivindicación “para celebramos o Día da Patria Galega, para celebrarmos que somos galegas e galegos orgullosos de selo”. “Por iso o Festigal é un escaparate da cultura feita desde Galiza e en galego, que conxuga e beleza e o poder da tradición coa modernidade máis punteira e amosa que queremos estar no mundo en pé de igualdade con outras nacións e que temos talento a esgalla”, concluíu Lucía López.
FONTE: FESTIGAL