O Valo xira por Galicia co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
Nun mundo onde a violencia obriga a miles de familias a abandonar os seus fogares para salvaren as súas vidas, o organismo competente das Nacións Unidas lanzou xa hai un ano a campaña #WithRefugees para lles pedir aos gobernos o cumprimento do seu deber en relación a millóns de persoas que sofren esta situación. Culturactiva e Pallasos en Rebeldía presentan a súa achega, unha proposta escénica dirixida polo portavoz de Pallasos en Rebeldía, Iván Prado, sobre o texto de Carlos Labraña gañador do IX Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, O Valo, con dúas posibilidades: un formato para centros de ensinos e outro, máis complexo técnica e escenograficamente, para teatros. O Valo fala do encontro de dous mundos, dúas realidades, dúas consciencias encarnadas en dous personaxes ben distintos: O Soldadiño de Chumbo e Sahara, a rosa do deserto. Un encontro a ambos os dous lados dunha fronteira que non só separa a civilización do baleiro, senón que abre unha ferida no corazón da humanidade. Dous personaxes encarnados por Fran Rei e Saleta Fernández, escenifican esta historia que ten por protagonista real unha fronteira. Un valo.
A xira de presentación, financiada o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, comezara en xuño e continúa cunha serie de actuacións: este mércores 11 estará na Guarda, o luns 16 en San Sadurniño e o martes en Caldas. Ademais, estará na programación infantil dos domingos ás 12 no Auditorio de Ourense este domingo 15, e na presentación do libro editado por Xerais no Salón Teatro de Compostela, o xoves 19 ás 20 horas. Nesta ocasión, estarán o autor do texto, Carlos Labraña; o editor Manuel Bragado; a ilustradora Nuria Díaz; a crítica de LIX Romina Bal; e o crítico teatral Camilo Franco. A continuación terá lugar a representación da obra e despois un coloquio co elenco. A xira do Fondo continúa recuncando en Ourense, o mércores 25 no Centro Cultural A Ponte, no Milladoiro (Ames) o día 30, e xa en decembro pasará pola Coruña, polo Centro Cultural Os Mallos, o día 13.
O Valo contrapón dous mundos: fronte ao pensamento patético e torpe do Soldadiño de Chumbo, que obedece ordes dos seus superiores desde a fe cega no que sempre lle dixeron que tiña que facer, oponse a sensibilidade de Sahara, unha rapaza que foxe da guerra e que recibiu tantos paus na vida que xa poucas cousas poden detela. A forza e a dignidade desta nena refuxiada farán reflexionar ao público en contraste co soldado, cuxo corazón se debate entre a obediencia, que mesmo lle pode levar a matar en nome dunha patria, e a fraternidade que o impulsa a romper todos os valos.
O proxecto
Nos últimos anos o mundo está a vivir unha crecente crise de refuxiados e refuxiadas que foxen da guerra. Cada día hai miles de persoas que deben tomar a decisión máis difícil da súa vida: abandonar o seu fogar na procura dunha vida mellor. Tal e como informan diversos organismos internacionais, estamos a sufrir a maior crise humanitaria desde a fin da segunda guerra mundial. Segundo os datos facilitados por ACNUR, máis de 60 millóns de persoas tiveron que saír do seu país na última década, para fuxiren de abusos contra os dereitos humanos coma a tortura, a persecución, os conflitos armados, a pobreza extrema e mesmo a morte.
“A xente morre mentras os gobernos gastan miles de millóns en controlar as fronteiras”, afirma Amnistía Internacional. Perante esta situación, Pallasos en Rebeldía – entidade de cooperación internacional a través das artes e con ampla traxectoria en zonas de conflito – decide crear e producir este espectáculo, coa crise das persoas refuxiadas de fondo, para convidar ao público infantil a reflexionar e tomar conciencia sobre esta problemática que está a se enquistar nas nosas fronteiras.