Vive o Camiño chega á súa recta final: o domingo, última actuación e concerto de Caxade en Fisterra
A obra teatral ‘Dous no Camiño’, que leva varias semanas de xira polos concellos do Camiño Inglés e o Fisterra-Muxía, acomete esta semana a fin do seu percorrido: Dumbría, Muxía e Fisterra acollerán o espectáculo interpretado por Fran Rei e Isabel Risco, de balde e dirixido tanto aos peregrinos como á veciñanza das localidades destas rutas, que non deixan de gañar relevancia. En Fisterra ademais un concerto da banda Caxade porá o broche de ouro á programación Vive o Camiño 2017.
O programa de artes escénicas Vive o Camiño, que este verán percorreu a vintena de concellos do Camiño Inglés, remata estes días o Camiño de Fisterra-Muxía. Esta fin de semana tiveron lugar actuacións en Cee e Corcubión, antes de seguir, xa nesta última semana até Dumbría, Muxía e Fisterra.
Esta iniciativa de promoción e dinamización dos itinerarios xacobeos enche así de música e teatro numerosas rúas e prazas da provincia da Coruña, pola que discorren integramente ambas rutas. A través de Vive o Camiño espállase o espírito dos Camiños e os seus valores tanto entre peregrinos e viaxeiros como entre os galegos en xeral, que gozan del de balde.
Dous no Camiño, interpretada por Fran Rei e Isabel Risco coa dirección de Avelino González e texto de Roi Vidal e Xurxo Barcala, pasará este xoves 28 por Dumbría (ás 20 horas) e o venres ás 18.30 por Muxía, pola Praza do Cabo da Vila, para rematar, finalmente, en Fisterra, na Praza da Constitución, o domingo 1 de outubro ás 18.30 horas, coa actuación de Dous no Camiño e un espectacular concerto de Caxade que servirá como broche de ouro.
Na mesma liña de Dous no Camiño, Fran Rei e Isabel Risco están a levar a cabo ademais unha animación, de creación e dirección propia, nas rúas principais e nas contornas dalgúns albergues, onde interactúan cos cidadáns e cos peregrinos en cada posta en escena. Nesta animación, Atanasio e Teodoro, os dous discípulos de Santiago que levaron polo mar os seus restos ata Galicia, atópanse perdidos despois dunha viaxe no tempo de moitos séculos. As modernidades que ven sorpréndenlles, pero ao mesmo tempo van descubrindo que o esencial do Camiño de Santiago, a natureza, as paisaxes e os monumentos, non mudaron.
Turismo de Galicia, dentro do Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago posta en marcha hai dous anos, xa ten iniciados os trámites, en colaboración e contacto permanente cos concellos implicados, para executar tarefas de rehabilitación, mellora e sinalización nos seus diferentes tramos. Estes traballos seguirán a estela dos que se desenvolveron noutras rutas, como é o caso neste momentos do Camiño Inglés.