Festigual, o festival de todas
Xa son sete anos facendo cidade na Coruña. Sete anos rompendo coas trabas que se atopan moitas persoas á hora de crear e consumir cultura. O Festigual - Festival das Artes Inclusivas da Fundación Emalcsa desenvolto polo Concello da Coruña - nace e perdura cun fin: xerar espazos de convivencia e transformación ao redor das artes.
A programación, pensada para facilitar o acceso á cultura a calquera persoa independentemente das súas capacidades, espállase ao longo de varias semanas complementando a axenda cultural da cidade con propostas para todas. A través de distintas disciplinas artísticas, non só pretende concienciar sobre a urxencia de facilitar espazos nos que todo o mundo poida acceder ás artes, senón tamén da necesidade de crear dende as marxes para que o público xeral poida ampliar olladas.
"Estamos orgullosas da cidade da Coruña porque é diversa e, por iso, a nosa programación tamén o ten que ser". O Festigual consolídase nesta sétima edición como un punto de encontro para reivindicar, dende Coruña para o mundo, un pensamento colectivo no que non deixemos a ninguén atrás.
Festigual trata de escapar dos circuitos normativos da cultura, moitas veces capacitistas, para construír un festival que poña no centro a accesibilidade e o goce de toda a poboación. Un proxecto colaborativo que é posible grazas ás usuarias das entidades sociais que traballan durante todo o ano para que esto se faga realidade.
O Festigual avanza cada ano e, con el, tamén o fan as súas propostas e eixos temáticos.
As artes, por definición, son inclusivas. Pero tamén son transformadoras. O teatro e o mundo escénico, por exemplo, ergúense como un vehículo para a concienciación social, axitando emocións e chamando á reflexión colectiva sobre a nosa realidade.
En toda a programación do festival reivindícase que as persoas con diversidade funcional sexan creadoras de cultura. Esta realidade está en moitas ocasión invisibilizada. O feito de que estean en escena manifesta a necesidade de visibilizar estas realidades.
Ademais, nesta edición do Festigual poñemos o foco noutras formas de exclusión tamén moi presentes no noso día a día, en todos os ámbitos e en todas as franxas de idade.
Achegámonos ao público xuvenil para falar de dúas realidades presentes, visibles ou non, no seu día a día. A peza teatral Soños mergúllanos na vida dos mozos e mozas que medran en vivendas tuteladas: as súas vivenzas, inquedanzas, prexuizos e experiencias non contadas. O tema do acoso escolar tamén estará presente a través de Dumbo, un espectáculo musicalizado recomendado pola Rede Española de Teatros para poñer sobre as táboas este tipo de situacións que asolagan os nosos centros.