#TodoTrucazos
Ficha artística
Sinopse
#todotrucazos é un espectáculo de malabares e mais humor cheo de ritmo e con base autobiográfica. A historia dun artista de circo que, tras cumprir os 40 anos, decide voltar aos escenarios e retomar o espectáculo individual que tiña xunto ao seu irmán na súa mocidade (The Jazzgling Brothers). O artista está nervioso ao seu regreso, un pouco oxidado se cadra. Por riba, semella que o seu estilo e gustos musicais quedaron algo desfasados. Pero este showman demostra que aínda está en boa forma realizando todo trucazos, facendo honor ao hashtag que decidiu como título do seu espectáculo, nun intento de se adaptar aos novos tempos. Todo isto acompañado dunha banda sonora de grandes clásicos (James Brown, Aretha Franklin, Blues Brothers...).
Un espectáculo con aire nostálxico, con chiscadelas á xeración dos nacidos na década dos 80, a derradeira en medrar sen internet. Os derradeiros que pasaron a infancia a xogar todo o día na rúa con topes, cordas, canicas, etc. Sempre con feridas nos xeonllos e xeonlleiras nos pantalóns. Unha xeración que agora ten que se adaptar aos cambios dunha sociedade tecnolóxica que muda a un ritmo vertixinoso.